Saturday 11 de May de 2024

O Concello de Vimianzo considera insuficiente a dotación económica da que disporá o colexio San Vicenzo


A alcaldesa, Mónica Rodríguez, sinala que ‘é un centro que acolle unha  franxa de ensino moi ampla, e consideramos que unha partida de 30.000 euros non cubrirá todas as melloras que hai que levar a cabo no recinto’, asegura a rexedora.

O Concello de Vimianzo considera insuficiente a dotación económica da que disporá o colexio San Vicenzo. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, sinala que ‘é un centro que acolle unha franxa de ensino moi ampla, con moitas nenas e nenos, e consideramos que unha partida de 30.000 euros non cubrirá todas as melloras que hai que levar a cabo no recinto’, asegura a rexedora.
Desde a administración local sinalan que ‘en reiteradas ocasións remitíronse informes á Consellería do mal estado no que se atopan a fachada, a cuberta e as baixantes, nunca tendo coñecemento da execución destes traballos’, apuntan.
Concretamente, enviouse un oficio de alcaldía con data do 4 de xaneiro de 2020 dándolle traslado á Xunta do informe do arquitecto municipal de data 19/12/2019 sobre o mal estado de varias das dependencias do centro. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, xa solicitou unha reunión con Educación para tratar este tema.
A Xunta de Galicia é o organismo que pon á disposición da administración local esta partida, asignada xa previamente, e que non está suxeita a modificación, algo que ‘lamentamos profundamente desde Vimianzo. Cremos que non se están a ter en conta as necesidades básicas de moitas e moitos estudantes, nun dos principais colexios públicos da comarca’. Tendo en conta que non se recibiu contestación ao respecto, o Concello solicita ‘que se nos remita copia do proxecto técnico, xa que nos vindeiros meses terá lugar o comezo dun novo curso escolar e é un asunto polo que esta administración recibiu numerosas queixas dos pais e alumnos polo mal estado do colexio’.
Desde o Concello de Vimianzo considérase ‘imprescindible actuar na cuberta do colexio público San Vicenzo, crendo así insuficiente esta partida para a execucións duns traballos que requiren dun maior investimento. Os temporais deste último inverno actuaron dunha maneira moi negativa na estrutura do colexio de San Vicenzo, sendo condición indispensable asegurar que as clases se poidan desenvolver baixo unhas condicións aceptables para o vindeiro curso’, aseguran.